Autor
PIÑEIRO XOAN
Escultores
Xoán Piñeiro nace en Nerga, lugar da parroquia de Hío do concello de Cangas o 18 de outubro de 1920, pero as circunstancias territoriais e emocionais que contribuirían a súa formación como persoa e artista decorren, ademais de en Cangas, en Vigo e en Goián (Tomiño).
A súa preparación académica fluíu nun longo camiño de estadías en lugares moi diversos: Vigo (1944), na Escola de Artes e oficios; Santander, para ampliación de estudo na Escola Taller de Talla e Imaxinería do escultor José Capuz; Madrid (1948), como bolseiro da deputación provincial de Pontevedra, compaxinando estudos entre a Escola de Artes e Oficios de Vallecas e a Facultade de Belas Artes de San Fernando; desta volta dúas bolsas de viaxe concedidas en 1952 e 1953 permítenlle, respectivamente, levar a cabo unha peregrinase artística arredor da tradición escultórica española e, a ampliar estudos en Francia e Italia.
O seu primeiro obradoiro abriuno en Madrid no ano 1950. En 1962, abandona a capital española establecéndose en Vigo ata que, en 1965 monta o seu obradoiro definitivo en Goián, o lugar de nacemento da súa dona. A súa angueira artística centrase primordialmente na figura humana, de xeito máis figurativo nos sesenta, e cunha marcada tendencia a simplificación a partir dos setenta: maternidades, retratos e autorretratos en pedra e bronce manifestando un maxistral coñecemento de ambos materiais, e empregando diferentes técnicas. Grande parte do seu traballo escultórico é de temática relixiosa e tamén civil. O legado escultórico dun Xoán Piñeiro, dono da forma e soñador de novos volumes, pódese desfrutar en todos os museos de Galicia, e noutros de provincias españolas, en África e en coleccións institucionais.